Thursday 02 de May de 2024

Comezan tres días con San Sadurniño como protagonista cinematográfico


San Sadurniño volverá vivir de venres a domingo o ambiente do Chanfaina Lab, o encontro de cineastas que pon en valor o territorio do concello a través dos ollos do audiovisual galego, tanto profesional como amador. Serán máis de medio cento de talentos locais e de fóra, emerxentes ou xa consagrados, con vocación experimental, documental ou con querencia pola ficción que se reunirán nun evento concibido para filmar pequenas películas, pero tamén como punto de encontro para o intercambio de coñecemento e o tecido de redes creativas. Tal e como se apunta en Fálame de San Sadurniño -o proxecto que alentou e aleitou co seu contido o nacemento do Chanfaina en 2014-, a ollada contemporánea sobre a paisaxe rural e as súas xentes, a emigración, a memoria histórica, o devir do tempo, as diferenzas paisaxísticas e sociolóxicas entre as sete parroquias que compoñen o concello, “transforman a San Sadurniño nun universo por descubrir e moi axeitado para debullar propostas visuais innovadoras”. Porén, ademais de facer cine, a presente edición do Chanfaina, tamén inclúe no seu programa outras actividades, como as proxeccións da Eira de Cineastas e da sección A paisaxe salvaxe de San Sadurniño, ou a homenaxe que se lle renderá o domingo -cunha exposición e música- ao pioneiro do documentalismo galego José Gil.

O nome de chanfaina alude a unha receita tradicional dos territorios de antigos señoríos, cando as partes “nobres ” do animal se lle entregaban aos Señores, mentres as vísceras e as partes mais pobres quedaban na casa para preparar esta especie de botelo cociñado dentro dun recho, de grande tradición nas parroquias de Bardaos e Igrexafeita.

Outro dos sinais de identidade do Chanfaina lab é o de ser un “revolto de cousas diversas”; por iso procura a diversidade das persoas convidadas en cada edición segundo idade, xénero, formación ou experiencia para que o encontro de tres días “sexa un tempo fecundo, unha celebración da tolerancia, onde se intercambien ideas, experiencias e capacidades”, comenta en Fálame de San Sadurniño o promotor do evento, o profesor Manolo González.

Este ano, máis do 60 % da participación é de persoas naturais ou veciñas de San Sadurniño. Son as cativas que compoñen o colectivo “Sansadurnenas”; os mozos estudantes Iago Lourido, Bieito Beceiro, Aroa Calvo, Catalina Rodríguez, Pablo Martínez, Soraya Yáñez, Ángela Arnosa, Kevin Lorenzo e os colectivos “Meu”, “NaraíoMedia” e “SueÑa”. Completa a listaxe “local” un grupo de veciños e veciñas, tamén cineastas, que todos os anos “achegan a súa xenerosidade e talento a esta experiencia singular”, como Fran Bermúdez, Xosé Manuel Rabón/Victor Rico, Abel Vega,“The sun Girls” e as labregas de “Teño unha horta”.

Tamén participan novas promesas do audiovisual galego recentemente tituladas en Belas Artes ou Audiovisual como Mirian Opazo, Candela Conde, Xoán Rodríguez Caridad e Cristina Souto. Asemade, como nas edicións anteriores, súmanse ao Chanfaina un grupo de profesionais con experiencia dabondo en ámbitos diversos do audiovisual como Félix Brisel, Francisco J. Cela, Nela Fraga, Juan Galiñanes, Manolo Gómez, Diana Gonçalvez, Tono Mejuto, Adriana Páramo, Miguel A. Romero, Ignacio Vilar e o colectivo “Memoria e cinema”.

“Todos eles e elas representan diferentes modos e xeitos de concibir a creación audiovisual dende ámbitos e prácticas artísticas diferentes engadindo matices e unha gran variedade á edición anual da Chanfaina”, engade o profesor González sobre os nomes que a organización foi presentando ao longo desta última semana a través das súas redes sociais, ademais de estar dispoñible para descarga no catálogo xeral do VIII Chanfaina Lab.

Todos os carteis do encontro audiovisual desde a súa primeira edición reflicten motivos relacionados co patrimonio artístico ou natural de San Sadurniño. O deste ano -deseñado polo artista gráfico Juanlu Nacha– inspírase na paisaxe deste enclave, o máis elevado de San Sadurniño e un dos lugares de referencia do Xeoparque do Cabo Ortegal declarado oficialmente pola UNESCO como Xeoparque Mundial o pasado 24 de maio. De feito, como primeira actividade das e dos participantes, na tarde do venres hai programada unha xeorruta polo Forgoselo na compaña do director científico do xeoparque, o doutor Fran Canosa.

Ademais, a maratón de proxeccións dos “Clásicos do Chanfaina lab” do sábado centrarase nesta ocasión en repasar aquelas pezas gravadas nesta paisaxe montañosa “e salvaxe” das parroquias de Naraío e Igrexafeita.

Outras actividades previstas no programa son a “Eira de Cineastas” do serán do primeiro día -na que cada participante presenta un fragmento da súa obra-, o espectáculo infantil “Cinema de historias da man de Alice Guy” do sábado ao mediodía e a exposición “José Gil, pioneiro do cine galego” que poderá visitarse o domingo pola mañá e que irá seguida ás 13:00h dun concerto de homenaxe ofrecido pola Xove banda de música da Agrupación Sementeira de Narón.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

VENRES 1 SETEMBRO
11:00h. a 12:00h. RECEPCIÓN DE CINEASTAS na Casa da Cultura.
12:30h. ACTO OFICIAL DE BENVIDA na Casa do Concello.
13:00h. AMADRIÑAMENTO ÁRBORE CONMEMORATIVA VIII CHANFAINA LAB. Finca A Cortiña.
16:00h. XEORUTA E FOTO OFICIAL. Visita guiada por Fran Canosa á Serra do Forgoselo. (só para participantes)
20:00h. PROXECCIÓN “EIRA DE CINEASTAS”. Casa da Cultura. (Entrada libre). Selección de filmes presentados por cineastas participantes. Casa da Cultura. (Entrada libre): “Porte exprés” de Ángela Arnosa, “As vacas desaparecidas” de Bieito Beceiro, “Trae!” de Fran Bermúdez, “Maipy Kanki” de Félix Brisel, “Breogán pimentel, artista multinivel” de Francisco Javier Cela, “Na pel da memoria” de Memoria e Cinema, “Susurros do enxebre” de Candela Conde, “Os nenos en Carnota” de Nela Fraga, “De “Coma nunca” a “Fatum” de Juan Galiñanes, “A relatividade” de Manolo Gómez, “Mulleres da raia” de Diana Gonçalvez, “Unidade veciñal” de Tono Mejuto, “The porquer” de NaraíoMedia, “Ningún Deus” de Mirian Opazo, “Anatomía dunha serea” de Adriana Páramo, “O Sacauntos” de Xoan Rodríguez Caridad, “O cinemóbil reclame 3 (Work in progress)” de Miguel A. Romero, “Mirada Amateur” de Cristina Souto, “Boniatos no país do sol poñente” de Teño unha horta, “Feminino” de The Sungirls, “Cando roxe o formigueiro” de Abel Vega, “A esmorga” de Ignacio Vilar.

SÁBADO 2 SETEMBRO
10:00h. Encontro e gravacións de cineastas.
12:00h. ESPECTÁCULO “CINEMA DE HISTORIAS DA MAN DE ALICE GUY”. Casa da Cultura. Proposta da narradora Raquel Queizás, quen encarna á realizadora francesa Alice Guy-Blaché, considerada a primeira muller que filmou unha película de ficción. O espectáculo, dirixido a público a partir dos 5 anos, ten por obxectivo espertar a querencia polo cine entre a rapazada. (Entrada libre).
20:00h. PROXECCIÓN CLÁSICOS DO CHANFAINA LAB “A natureza salvaxe de San Sadurniño”. Casa da Cultura. (Entrada libre): “O salvaxe leva o seu tempo” (2017) de Óliver Laxe, “Here” (2016) de Natalia Porca, “Alí sentíame eterna” (2019) de Aldara Pagán, “A pena dos Tres pés” (2015) de Abel Vega, “O silencio dos eólicos” (2018) de Aser Álvarez, “Os aventados. Ventos do Forgoselo” (2015) de Álvaro Gago, “Trae!” (2019) de Fran Bermúdez, “Forgoselo. Granito”. (2015) de Alberte Pagán, “360º en cores” (2017) de The Sungirls.

DOMINGO 3 SETEMBRO
10:00h. Encontro e gravacións de cineastas.
10:00h. a 12:00h. EXPOSICIÓN “José Gil, pioneiro do cine galego”. Presentacións e visitas guiadas. Adro do Convento do Rosario. San Sadurniño
13:00h. CONCERTO HOMENAXE A JOSÉ GIL. Xove banda de Narón. Adro do Convento do Rosario. San Sadurniño. (se chove, na Casa da Cultura) . Podes descargar aquí o programa do concerto que narra a vida do pioneiro do cinema galego a través da música.

O evento está organizado polo Concello de San Sadurniño e a Aula Cemit. O encontro está patrocinado pola Deputación de A Coruña, o Concello de San Sadurniño e a colaboración de Vía Láctea Filmes.

Pódese acceder a toda a información descargando o catálogo completo de actividades e biografías das cineastas participantes ou a través das redes sociais do Chanfaina, que farán un seguemento constante da actividade durante os próximos tres días:

– Facebook da Chanfaina’lab
– Instagran da Chanfaina’lab
– Twitter da Chanfaina’lab